Carballo apaga as luces un ano máis pola “Hora do Planeta”

27 March, 2026

O Concello de Carballo reafirma o seu compromiso na loita contra o cambio climático sumándose, unha edición máis, á iniciativa global A Hora do Planeta. Este sábado, xunto a milleiros de cidades de todo o mundo, o noso municipio deixará ás escuras a Praza do Concello como xesto simbólico de respecto e coidado pola Terra. O apagón simbólico terá lugar este sábado 28 de marzo, entre as 20:30 e as 21:30 horas. O obxectivo é concienciar sobre o consumo enerxético responsable, reducir as emisións de CO2 de xeito simbólico pero colectivo, e reivindicar a necesidade de políticas sostibles a nivel local. Dende o Concello convídase a todos os carballeses e carballesas a participar desde os seus fogares, e tamén desde as empresas. Apagar as luces e os aparellos electrónicos non esenciais durante esa hora é un pequeno xesto que, sumado ao de millóns de persoas, lanza unha mensaxe potente: temos que actuar xa.